ALEXITIMIA
A alexitimia é unha palabra pouco coñecida, mais describe unha experiencia bastante máis común do que pensamos. Refírese á dificultade pra identificar, comprender e expresar as propias emocións. Non significa non sentir, senón sentir sen saber moi ben que é o que pasa por dentro. É coma ter un mundo emocional cheo de ruído, mais sen palabras claras pra explicalo.
As persoas con alexitimia adoitan notar antes o corpo cá emoción. Pode aparecer un nó no estómago, tensión nos ombreiros ou cansazo constante, mais resulta complicado dicir se iso é tristura, medo, rabia ou outra cousa. Cando alguén pregunta “como estás?”, a resposta máis habitual pode ser “ben” ou “normal”, non por falta de confianza, senón porque realmente custa pórlle nome ó que se sente.
Isto tamén inflúe nas relacións. Ás veces, dende fóra, unha persoa con alexitimia pode parecer fría ou distante, cando en realidade hai emocións aí, só que non saben como expresalas. Pode xerar malentendidos, sensación de soidade ou a impresión de non encaixar emocionalmente cos demais. Non é falla de interese nin de cariño, é dificultade pra traducir o que pasa por dentro.
A alexitimia non é unha enfermidade, nin algo que defina por completo a unha persoa. É máis ben un xeito diferente de se relacionar co mundo emocional. Pode ter relación coa educación recibida, con experiencias difíciles ou sinxelamente co xeito de ser. O importante é saber que se pode traballar. Aprender ós poucos a recoñecer sinais internas, ampliar o vocabulario emocional e se dar permiso pra sentir sen xulgar.
Falar disto xa é un primeiro paso. Pór palabras onde antes só había confusión pode aliviar moito. E lembrar algo esencial: ter dificultades pra expresar emocións non significa telas menos. Significa que precisan máis tempo, máis calma e, ás veces, un chisco de axuda pra saír á luz.
ALEXITIMIC
Houbo un tempo no que me recoñecín absolutamente neste eido emocional. Tanto que marcou unha época e lembrar os puntos de saída sempre axuda a ver cunha perspectiva máis doada o camiño percorrido.
Spoiler: nada que ver co nome de pila. Mais isto fica fóra de liña.