Vida / Morte

A miña vida sen min | A miña vida sen el

Rescatando algo que escribín hai xa cinco anos.
O tempo pasa moito máis axiña do que apreciamos…

Vida / Morte.

Agosto 2008.

Supós que estás agora acó porque sempre se che deu mellor escribir ca falar. Se cadra porque malia ser alegre e espontáneo, realmente es introvertido e celoso do teu pequeno mundo individual.

Son case as catro da mañá e sentiches a terrible necesidade de sacar fóra a dor que gardas dende hai xa un tempo.

A culpa, da Sra. Coixet e de «A miña vida sen min». E dende logo e sobre todo, túa.

Non elixiches o mellor momento da túa vida para ver esta película, que conseguíu alomenos que sexas quen de ceibar a presión que a dor estaba a converter en agonía.

Durante os últimos dous meses (si, xa), criches que a súa morte che afectara algo máis do poderías pensar tendo en conta que era algo «agardado».

Hoxe te decataches de que o que crías que che afectara, era unha insignificante parte do que e verdade o fixo. E puideches ver que realmente afundiute.

É difícil recoñecer esta situación cando tentas ser o personaxe invencible, o protagonista loitador e vencedor de cada batalla, do conto da túa vida. Pero é así.

Imaxinas que é o normal, malia que ninguén pode ter unha certeza moi fiable nunha situación que cada persoa pode vivir unha única ve.

Dende logo, se algo positivo debes sacar disto, non é outra cousa que asumir que esta publicación on é máis ca o primeiro paso para recuperar a Ledicia que antes tiñas dentro e que con tanta forza che gustaba sacar fóra. Bótala de menos. Como a el.

Ver esta película fíxoche comprender as sensacións que el puido ter durante os derradeiros meses. Meses nos que únicamente pensabas na súa dor física e en que fariades logo «de». Meses nos que obviaches completamente a agonía psicolóxica que podía estar a vivir en silencio. Meses nos que non te preocupaches de vixialo ou observalo máis ó detalle para buscar algunha evidencia desa dor.

Ver esta pelícua fíxoche decatarte do comportamento equivocado que, ás veces, temos con outras persoas simplemente porque non somos capaces de nos pór no seu lugar. E non é que non o procures, pero non sempre o consegues. Non nesta ocasión.

Gustaríache estar máis ó seu carón. A distancia é un obstáculo ás veces insalvable e, ó cabo do tempo, pareceuche tan pouco que a única sensación posible no teu interior é a frustración.

É incrible que unha película logre sacar de ti o que ningún familiar, amigo ou parella conseguira. É incrible que grazas a unha película comeces a ver a luz que iluminaba o teu antigo sorriso, forte e profundo de verdade.

Estás tremendamente triste e ó tempo estás contento. Cruzaches a soleira entre coñecer a nova e asimilala.

Custouche per, ó cabo, aí estás: é a primeira vez que estás contento e xa nin lembrabas o que era. Pero gústache e desexas seguir así toda a vida.

Só agardas que a túa vida sen el, cumpra as súas expectativas.

E decátaste de que todos os escaparates brillantes, todas as modelos dos catálogos, todas as cores, as ofertas, as receitas (…), as películas de Julia Roberts, as montañas de comida graxenta, tentan alonxarnos da morte.
Sen conseguilo.

A miña vida sen min. Isabel Coixet.

Ver más

> deixa un comentario

Back to top button