Non fan falla as súas mans

Síntese tan confiada, tan segura…
Fai xa un tempo que veño a fixarme no que fai. E no que di. Máis nas súas formas, mesmo. De certo xeito prodúceme admiración. Pola súa capacidade e os seus recursos para que el faga sempre todo o que quere e que, ademais, se sae mal ou ela é quen se trabuca, el asuma a culpa, as consecuencias e ata a humillación.
Si, definitivamente creo que a humillación é unha das súas mellores representacións. Apaixóame ver como controla cada palabra e cada pausa para degradar a moral dese imbécil que ten por marido.
Nunca lle puxo unha man enriba. Porén, mentres ela ve a televisión no sofá do salón, vexo como el fica na cociña, en silencio.
Case sempre chora, malia que nalgunha ocasión só queda abosrto coa mirada fixa nun punto que só el coñece. Ás veces dame medo. Véxoo aí sentado, baixo esa luz branca de chisco cansino –que ó comezo non o notas pero, cando o sintes, non podes deixar de fixarte–, sen chiscar, sen mover un dedo. Nada. Simplemente fica absorto e pode estar así durante horas.
Cando ela decide ir para cama, pasa pola cociña a por un vaso de auga. O seu paso, firme e altivo, déixalle claro que non debe lanzar mirada ou palabra algunha.
Durante a súa presencia, o peito deste ser, carente de todo amor propio, vólvese do tamaño dunha noz, oprimíndolle o corazón e os pulmóns. A dor é física, é real e é intenso. Pero non é suficiente para soltar o berro oprimido que as súas neuronas lanzan unha e outra vez sen éxito.
Ó se quedar de novo só, a sensación de alivio e paz invádeo de novo. Pero só é un oasis que dura pouco. Vaise para cama, porque aínda se lle permite, malia que sen molestar. É entón cando chega o tormento máis agónico dos que vive.
Déitase con sumo coidado e dende que se tapa, fica inmóbil, controlando a respiración, contendo calquera impulso de tos ou movemento. A tensión é tal que as súas extremidades case entumecen, acumula sobrecargas nos músculos e tendóns porque a relaxación e o posterior sono, implican que se cadra un movemento involuntario poida molestar á súa dona, que o é, a todos os efectos, na súa cabeza.
E así transcorren as noites, maiormente en vela.
O amor propio do que falaba, non é que este home nacese alleo a el. Non, ela foillo roubando ós poucos, día a día, xesto a xesto. Dun xeito tan sutil coma efectivo, anulouno coma persoa, convertíndoo nun obxecto da súa propiedade que obra ó seu antollo.
Non lle resto valor á súa obra, sen dúbida, é algo do que moi poucos serían capaces.
Pero ás veces non todo sae como agardamos ou, como dicían Aerolíneas Federales: “Non todo é o que parece, amigo”. Que as persoas non podemos ser cousas, por máis que alguén poida empeñarse, pode parecer obvio pero, sen dúbida, ela, non o contemplaba coma unha opción. Non para el, non para ese mindundi.
Porén, unha boa mañá de primavera, se cadra porque o sangue altera ou porque el mallara o suficiente o cerebro impotente deste homiño, incapaz de obrigarlle a enfrontar a situación con palabras, deuse por vencido e deu renda solta ós seus instintos máis primitivos e irracionais.
Hoxe, ela non pode xa someter a ninguén e el, nos seus dous por dous metros de confinamento entre formigón e barrotes, síntese o home ceibe que xa non lembraba ser nunca.


Off-topic: Esta atitude ten acuñado o termo de Gaslighting (ou Luz de gas) e é moito máis habitual do que en realidade vemos ou cremos.

Nótese que os roles desta historia ficticia son meramente interpretativos e que en ningún caso debe entrar a debate que estas liñas se escribisen dende o machismo, o feminismo, o hembrismo, a protección ou o odio. Literatura pura, sen máis.
En todo caso, sexas home ou muller, non adoptes nin deixes que adopten contigo esta atitude.
Pensa que a maior satisfacción que pode darche o amor é ter a certeza de que esa persoa que se deita canda ti, faino totalmente ceibe cada noite da súa vida, simplemente porque é o que desexa facer. E pensa que se ti non estás a decidir isto libremente, entón algo falla. Non o deixes correr.
Ver más

> deixa un comentario

Mira también
Close
Back to top button