Neutralizado

Apenas quedan vintecinco horas para que deixemos atrás outro ano e cada un aplica neste momento o seu propio criterio.
 
Algúns fan balance: o bo por acó, o malo por aló. Outros, prefiren reflexionar sobre o que fixeron (ou non), durante este ano e prometerse a si mesmos o qu farán (ou alomenos tentarán), no vindeiro.
 
Tamén os hai que aproveitan estas datas para se lamentar e gozar na dor das ausencias, as dos seres queridos que por primeira vez ou simplemente un ano máis, non estarán na mesma mesa; tanto as dos que algún día regresarán coma as dos que partiron para non voltar.
 
Logo, hai outras persoas que simplemente pasan o 31 de Decembro ó 1 de Xaneiro coma quen pasa dunha baldosa á seguinte a camiñar por calquera beirarrúa da cidade.
 
Haberá máis, non o dubido.
 
Porén, nun ánimo que xa nunca foi demasiado exteriorizable, ningún destes criterios (e ningún outro seguramente), resúltanme definitorios.
 
Cando fas balance semanalmente, cando reflexionas (se cadra demasiado), a miúdo, cando che fallan duns e tamén dos outros; pero cando tamén garda moito significado este momento, rematas nun maremagnum de sensacións que, por esgotamento, ignoras.
 
E o que queda é un espazo neutro, no que non agroman sentimentos propios nin empatías para cos demais. Unha neutralidade que te leva á indiferenza máis fastiosa, pero á que non podes reaccionar.

Un estado que, porén, resulta sorprendentemente bo; e é cando mellor se analiza todo o que nos rodea, cando somos capaces de nos ceibar de todo tipo de sentimento.
 
Se cadra é o punto máis achegado á obxectividade absoluta.
 
Pero por máis que efectivamente me axude en certas áreas, non é nin con moito, un estado agradable. Mais non se pode senón agardar a que ese conxunto de variables do entorno, a alimentación, o clima, o estrés e as persoas revirtan este estado, xa á ledicia exacerbada, xa ó temperamento máis abrupto.
 
Dúas enerxías estas que, se ben cesan con prontitude, maniféstanse sempre, unha ou a outra, marcando a fin desa etapa neutra. Coma se inconscientemente, logo dun período de inexpresión, precisase expulsar todo o contido. E funciona.
 
Non podo marchar sen, en tal momento, lembrar este clásico. Sete anos recén cumpridos entón e o lembro coma se fose onte.
 
Pitade, berrade, gozade, ride.
Á vez. Ou non.
Bo 2016
 

Ver más

> deixa un comentario

Mira también
Close
Back to top button