Fallas, o impacto

«As Fallas saen do armario cun impactante bico…»

«A chamativa portada (…) causou impacto no mundo falleiro.»

«(…) dúas falleiras saen bicándose de xeito apaixoado

E xa non lin máis.

Á marxe do sensacionalismo da noticia, que me parece unha aberración en si mesmo; se realmente nos parece que esa imaxe é impactante, se nos parece que é algo tan tremendamente chamativo, é que estamos moito máis lonxe de normalizar a homosexualidade do que o máis rancio dos españoliños poida imaxinar.

Que unha revista utilice unha imaxe de dúas mulleres a punto de se bicar e haxa un só medio capaz de sacalo coma un incrible desafío á «normalidade», paréceme enormemente triste e preocupante. Sinceramente, cría que avanzáramos máis.

Señores (e señoras), a igualdade, a «normalidade» non existirá mentres haxa novas así na nosa prensa; por se aínda non se enteraran, o «normal» non é nova. O natural, o «normal» sería que este cartaz saíse e se dixese «ai, que bonito» ou «ai, que feo» ou «é que eses traxes son (ou non), fieis ó tradicional porque…».

Iso sería sinal inequívoco de naturalidade, de «normalidade» fronte á homosexualidade. O demais, pura palla.

O día que non faga falla un «día do orgullo gai» ou un contra a violencia de xénero, ese día e non antes, poderemos dicir coa cabeza ben alta que a homosexualidade é indiferente, é «normal» e que mulleres e homes se respectan mutuamente. Mentres tanto, toca seguir a traballar e a loitar (e iso si que incriblemente), pola «normalidade».

E sei que dixen que quería deixar á marxe o sensacionalismo da nova, pero «a bicarse de xeito apaixoado»?, en serio? Equipo de 20Minutos, hai que se bicar máis.

Ver más

> deixa un comentario

Mira también
Close
Back to top button