A libraría, catro anos despois

Particular xeito este, no que un ano máis tarde retomo este espazo de introspección e ata descarga persoal (mental). O seguinte parágrafo escribino hai catro anos. Pero cheguei ós caramelos, lembreime deles, fun coller un e a musa abandonoume. Por egoísta. Estívome ben. E este texto quedou coma un borrador máis.
08/02/2013
Hoxe entrei nunha pequena libraría de barrio, desas de toda a vida, que teñen un pouco de todo, cunha señora entrañable tras do mostrador. Fanche lembrar a túa infancia e tal vez por iso che produce esa sensación tan agradable ó entrar, que te invade nada máis abrir a porta, con ese olor medio a antigo, medio a sabedoría
Coido que o espazo hábil non superaba os cinco metros cadrados. Rodeáronme estanterías cheas de libros de todos os tamaños e cores sen ningunha orde aparente, pero aquela muller sabía exactamente onde estaba cada un.
Só quería uns caramelos.
– · –
É curioso. Lembro esa libraría coma se fose hoxe. Volvín ó momento e revivín a situación, porén, non consigo lembrar os sentimentos que naquel momento me levaron a querer compartir contigo a experiencia.
E é curioso tamén como, malia que as cousas mudan ó longo do tempo, nos mantemos fieles a un pequeno núcleo interior que nos fai ser quen somos en realidade.
Coma a libraría, estamos cheos de libros, por todos os recunchos do noso cerebro. Libros que ás veces poden parecer máis ordenados e outras, pola contra, o caos. Seguramente se calquera amigo puidera pasearse polo teu cerebro e vise a orde das túas estanterías, abraiaríase tanto coma min ó entrar naquela libraría e ver a dilixencia coa que a muller executaba cada procura (e achado!).
Libro: Elisa e Marcela. Alén dos homes
Pero coido que todos estes libros que temos espallados por todo o noso “eu”, son esas ideas, pensamentos e sentimentos, que son cambiantes, que se adaptan, amóldanse e evolucionan. Que se reordenan.
E que a nosa personalidade, o noso carácter, a nosa lóxica, a nosa enerxía, o noso núcleo en definitiva; é esa señora que o manexa todo coa máxima destreza, para que sempre teñas no seu sitio o libro preciso para cada momento.
Todos mudamos os nosos libros de lugar. Todos. Non é malo, todo o contrario. Só temos que asegurarnos de ter a nosa señora da libraría corda e esperta e todo o demais é cuestión de deixarse levar.
BONUS TRACK

Por se che interesa, esa libraría está nunha modesta esquiniña da avenida de Hércules coa rúa Pinares, no coruñés barrio de Monte Alto. Non é o meu barrio e dende entón non voltei por alí. Ogallá siga aberta. E que siga ela.

Ver más

> deixa un comentario

Mira también
Close
Back to top button